xoves, 15 de decembro de 2016

VIRÁ O APALPADOR?

Achéganse as datas e nós, igual que o mesmo Paco Nogueiras no Brinca Vai!, preguntámonos se...virá... O Apalpador.



Para iso...tería que baixar das montañas do interior e vir a parar á Comarca do Salnés. 
Faríanos moita ilusión que nos visitara! A verdade. Nesta nosa zona  non notamos tanto  frío coma na montaña de onde vén el.

Quen é O Apalpador? 
Para aquelas familias que non coñecen quen é este personaxe mítico con identidade galega...fixemos un traballo de documentación. Investigamos:
1. Quen é?
2. Cómo é? 
3. De onde é?

Comezamos a nosa procura na rede. Buscamos en Google Imáxenes. Apareceron en primeirísima liña O Apalpador, Papá Noel e...Olentzero! Vaia, observamos as imaxes e descobrimos os primeiros parecidos entre personaxes...

xoves, 1 de decembro de 2016

CULTURGAL: CULTURA GALEGA!

Culturgal 2016, no Pazo da Cultura de Pontevedra!
2, 3 e 4 de decembro.

Casi un cento de stands e 120 actividades.

Música, libros, espectáculos infantís, audiovisual, artes escénicas, lingua, apps, arte contemporáneo, servizos culturais, sinaturas de libros e discos, encontros con autores...

Este fin de semana en Pontevedra...empápate de Cultura Galega no Culturgal .



CONTOS DE MEDO E MOSTO POLO MAGOSTO!

Pero que contos e historias de medo  xurdiron entre o Samaín e o Magosto!
 Algúns contos e contiños inspiráronse na decoración das portas e na decoración das vasoiras... Algunhas das vasoiras tiñan unha boa historia incluída...

Costou moito escribir contos, contos de medo e...contos de medo en Lingua Galega. Levou o seu tempo elaboralos segundo a estrutura propia dun conto. Houbo que consultar o dicionario, buscar personaxes, esceas e accións. 

martes, 1 de novembro de 2016

MOITO MAXÍN NO SAMAÍN!


Encántanos Paco Nogueiras e o seu Brinca Vai!
 No Samaín!...moito maxín!




Moito maxín tamén houbo no noso colexio estes días! Engalanáronse as portas das aulas con MORCEGOS, PANTASMAS, MOUCHOSCABAZAS CALACÚS, DEMOSTRASNOS, DIAÑOS, MEIGAS, BRUXAS, ARAÑEIRAS...de medo! Porque o medo vai a ser a temática que nos terá ocupados tamén no mes de novembro.
Comezamos coas portas, preparándose para a celebración do Samaín. 
(Como se fosen as portas que separan os mundos da vida e a morte, as mesmas que atravesan os defuntos na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro...ou...as portas que pechan o verán un ano máis para traer uns meses de escuridade...e de frío...)


luns, 17 de outubro de 2016

IRMANDADES DA FALA E DA ESCRITA...BARRANTES, ESCARABOTE E SANTA RITA!

Agora xa é oficial! Tres colexios de distinta localidade, Concello, Comarca  e provincia imos a facer unha Irmandade para traballar xuntos arredor da Nosa Lingua e da Nosa Cultura. Coma se de un Comenius á galega se tratase! Moitísima aprendizaxe entre centros, Comunidades Escolares e zonas. Intercambios de Proxectos,de actividades, de  celebracións...


DA VIÑA Á MESA! UVA E LOGO VIÑO, TINTO OU ALBARIÑO

Ademáis das Cantigas e os ditos que se recolleron, están chegando ao colexio verdadeiros reportaxes fotográficos e traballos de documentación sobre a Vendima e o Proceso de elaboración do viño, tanto o xeito artesanal como o proceso agora, nas adegas e coa axuda de máquinas sofisticadas.

Grazas familias por implicarse e axudar tanto neste fermoso Proxecto! 
Iremos completando a entrada cos traballos, unha vez correxidos e preparados para publicárense. Prema en Ler máis para seguir lendo esta entrada.

CANTIGAS AO VIÑO E Á VENDIMA!


Grazas familias, pola vosa colaboración!


Xa se recolleron e estanse recollendo no centro cantigas con letra de viño e vendimia! O Cantar da Vendima, O viño, Miudiño...miudiiiñoo... e outras referidas ao Tinto e ao Albariño.
Cantigas, ditos, refráns e até receitas! Moi bo traballo!
Moitísimo material para facer un bo libro, como é a nosa pretensión.

O Cantar da Vendima , cantada por A Roda e O Cuco de Velle é a cantiga máis recollida. Temos a letra escrita da man de moitos rapaces e rapazas. A preferida! Así é que...agora imos dar un paso máis para procurar a partitura...

É curioso que...ainda sendo a mesma cantiga, algunhas estrofas van cambiando a súa letra, adaptando segundo o lugar onde se cante. Normal, tratándose da tradición oral!

Cantigas de labor
Mentres se traballa, gústanos escoitar a música e tamén cantar, para levar o ritmo. A música e as cantigas alegran a vida e máis o traballo.

xoves, 6 de outubro de 2016

O GALEGO É ... IMPORTANTÍSIMO!

Aquí e acolá, agora e sempre.

Estimadas familias, estimada Comunidade Educativa:


Xa sei que o sabedes pero...a miña responsabilidade é lembralo para que non se esqueza...O galego é...importantísimo! Non é porque eu o diga. É un feito! E...ao longo desta misiva intentarei explicar o porqué. Moitísimas son as razóns que abalan este feito. Imos por partes:

1. Somos galegos e galegas e temos unha Lingua propia. As linguas é algo vivo, Noso, que evoluciona con nós...se facemos uso dela, claro. Se a Nosa Lingua non se usa...morre, desaparece, deixa de existir, e con ela quedarían inútiles todos os esforzos da xente que se adicou a defendela e mantela viva. Sería unha verdadeira mágoa deixala morrer... Algunha responsabilidade teremos, non si?

2. Sociais e Naturais, o Coñecemento do Medio, máis a Lingua Galega é impartida en galego. Gústenos ou non, teremos que dominar o idioma se queremos comprender, explicarnos oralmente  e tamén por  escrito. Necesitamos coñecer as palabras galegas, o vocabulario, a estrutura das oracións. Se non coñecemos o vocabulario e as estruturas da Lingua...mal podemos comprender os textos e expresarnos. Úrxenos e necesitamos controlar o idioma!.A Comunicación e a Linguaxe está detrás de calquera aprendizaxe, de calquera currículo escolar! O código é...o Galego!

3. O Galego, máis que unha Lingua...é...a Nosa Cultura! Xa non se trata dunha Lingua...senón unha Linguaxe. Unha estrutura, un xeito de percibir o mundo que nos rodea, unha identidade que nos caracteriza e nos define...como persoas galegas no mundo. Antes de ser españois e europeos...somos xente galega! Temos unha historia milenaria que paga a pena coñecer, descubrir e valorar positivamente. O onde condiciona moito. Se vivimos en Galicia...a realidade de Galicia é moi distinta á de Andalucía, ainda que as dúas rexións sexan españolas de España. Debemos coñecer e defender o noso, o que nos caracteriza. Algunha xente irase de Galicia, pode ser, pero a maior parte vivirá en Galicia toda a vida. Entón ,daquela, convén coñecer Lingua e Cultura para unha vida de Calidade.

1, 2 e 3...podería continuar coas razóns. Estas parécenme máis que suficientes polo de agora. Ben sei que ....convencerei ou non, pode pasar...pero...fálovos dende o corazón...e tamén dende a razón!

O Galego é importante! É un feito!
Conto con vós para lembralo sempre e para implicarse no seu coñecemento, descubrimento e mantemento. O Galego é Vida e a Vida é un principio universal. Non se pode deixar morrer! A vida hai que mantela sempre, en todas as culturas e en tódalas épocas!

Atentamente e con todo o agarimo do mundo mundial... Ermi Orol, coordinadora do Equipo de Dinamización da lingua do CPI Julia Becerra Malvar.
Somos de Barrantes, somos do Salnés!
Somos de Pontevedra, somos galegos e galegas!

P.D. Se existe un Equipo de Dinamización da Lingua Galega en cada centro escolar...será que... O Galego é ...importantísimo, non sí?


mércores, 28 de setembro de 2016

PROGRAMA DE ACTIVIDADES PARA O CURSO

O Equipo de Dinamización da Lingua traballa conxuntamente cos Equipos de Biblioteca e Actividades Complementarias e Extraescolares.

Acordamos traballar todo o centro, a través dos titores e dos distintos Departamentos, arredor dunha temática xeral e aberta: Os sabores do mundo. Tema da alimentación e  a gastronomía, tan presentes no noso Currículo escolar, en todas e en cada unha das materias.
Tendo en conta a temática xeral e o Calendario escolar de celebración e Efemérides, propuxemos organizarnos por meses temáticos.

En Outubro estaremos traballando a Vendima. Recollida de  Cantigas de Viño e Vendima. Recollida de fotografías.Traballo de documentación sobre o proceso de elaboración do viño. Vocabulario temático. Refráns, ditos, receitas,..
En Novembro esperamos un mes de moito medooo... Samaín e Magosto. Escoitando e preparando uns contos de medo.
En Decembro toca ornamentación de gala e receitas.
En Xaneiro, valores mundiales como a Paz e a Non Violencia.
En Febreiro os esforzos irán orientados a un sabroso e traballado Entroido, despois dunha Candeloria de Cantigas de amor.
En Marzo...Muller e Poesía. Comezamos o 24F con Rosalía. Tamén dedicaremos espazo e tempo á Prensa. Seremos poetas e xornalistas! Documentarémonos sobre Julia Becerra Malvar.
En Abril...libros mil. Mes da Arte Galega, adicado á artista polifacética  Maruja Mallo.
En Maio a grande Festa das Letras. Carlos Casares 2017. Distintas actividades e traballos sobre a Vida e obra do homenaxeado.
En Xuño, coincidindo coa Festa do Tinto de Barrantes, teremos o remate do curso e tempo de facer memoria...

Empataremos unha celebración con outra e farémolo de xeito o más coordinado posible.

Ademáis dos meses temáticos existen outras propostas e proxectos de traballo coa idea de acadar o noso obxectivo final: máis presenza e máis uso da Nosa Lingua.

Existen interesantes propostas de radio escolar Podcast, Audiovisual e Prensa dixital neste mesmo blogue. Creación do Grupo Editorial: Somos de Barrantes!

Tamén están pendientes de confirmar actividades intercentros e Irmandades con colexios de outras comarcas e provincias galegas.
Canta aprendizaxe nos agarda! Comezamos!

SOMOS DE BARRANTES, SOMOS DO SALNÉS!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI Julia Becerra Malvar de Barrantes, no Concello de Ribadumia e na provincia galega de Pontevedra, comeza un curso cargadiño de Proxectos e actividades interesantes.

Quen somos?
Somos un novo Equipo dinamizador de persoas que representan todas e cada unha das etapas e niveis educativos que se imparten no noso centro: Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obligatoria.

Que pretendemos?
O noso obxectivo fundamental é dinamizar a Lingua Galega na zona. Que o Galego se use máis. Que o galego se escoite, se fale, se sinta, se vexa, se lea, se escriba, se cante e se disfrute. En Galego...todo se pode facer!



Paco Nogueiras e o Brinca Vai! Kalandraka 2014.


Coa palabra escrita....Paco Nogueiras para as Letras 2013



Como nos organizamos?
Este Equipo dinamizador traballa conxuntamente cos Equipos de Biblioteca e Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares. Asegura que nas Actividades e celebracións segundo o calendario escolar haxa máis presenza do Galego, tanto a nivel oral como a nivel escrito.
Este Equipo é consciente da pouca presenza que o Galego ten nos medios, na vida cotiá e no tempo de lecer dos rapaces e rapazas e das súas familias.
Contando co Equipo de Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), cos distintos Departamentos pedagóxicos do centro (Non só os das Linguas), coas Familias e os distintos  recursos da zona, diseñamos e queremos desenvolver proxectos e paquetes de actividades coordinadas atractivas, moi relacionadas coas tecnoloxías e coa nosa contorna, que tanto nos caracteriza.
O ONDE condiciona o COMO.

Somos de Barrantes,
somos do Salnés!
Pedra e auga,
pan e viño (Tinto e Albariño),
por aprender...
un longo camiño.

Imos máis alá da Lingua...temos Historia e temos Cultura. Necesitamos coñecer moito máis da nosa Identidade como persoas galegas. Moitísimas das nosas familias non foron orixinarias da zona, moitas familias viñeron doutros lugares e doutros países.
Debemos coñecer o noso, posto que, independientemente da orixe... Somos de Barrantes! Somos galegos e galegas... con Cultura e Lingua propia.

Familias:
Animádevos a participar das actividades que se propoñan! Todos e todas temos moitísimo que aportar para coñecer e conservar a Nosa Cultura e a Nosa Lingua. 

O idioma é a chave...
coa que abrimos o mundo! 


Manuel María