mércores, 1 de marzo de 2017

AS NOSAS AVOAS


Levamos o apelido do noso pai e o apelido da nosa nai. Daquela tamén levamos os apelidos dos nosos avós (o pai do noso pai e o pai da nosa nai). Pero...non levamos os apelidos das avoas!
Co importante que son as nosas avoasNon só polos coidados, os bicos e as ricas filloas...
Sen elas...non existirían nin o noso pai...nin a nosa nai. Daquela, non existiríamos nós tampouco...
Canto lles debemos ás avoas! Mulleres maiores que aportaron á nosa vida.
Estaría ben coñecer mellor ás nosas avoas, e comprender mellor a nosa identidade e sentir orgullo de ser...quen somos!



Son As Nosas Avoas. Por iso queremos facelas visibles! Queremos encher os corredores do colexio coas  avoas como protagonistas. Neste mes de marzo, comezando coa celebración do 8M.


Cómo facemos?

1. Documentámonos sobre as nosas avoas. Procuramos tempo para falar con elas, estar con elas e perguntarlles:

  • Data e lugar  de nacemento. Este dato é importante para situar ás nosas avoas na época que lles tocou vivir.
  • Traballo ou traballos que teñen e que tiveron ao longo da súa vida.
  • Habilidades e outras actividades. Que lle gusta ou sabe facer ben a avoa?
Tamén podemos completar a información cos nosos pais ou con outra xente que as coñece ben, familiares ou amigas e amigos.
Avoa tamén pode ser...a Bisavoa ou...aquela tía ou madriña que viviu con nós na casa e que por idade podería ser avoa... A que nos aprendeu moitas cousas, entre elas...a medrar!

2. Rexistramos a información. Tomamos apuntamentos dos datos. Facemos un borrador do texto que queremos facer público. Revisamos e corriximos, para que non leve erros ortográficos.

3. Procuramos unha foto representativa da avoa. Foto onde ela é a protagonista, onde se vexa o seu rostro, a súa faciana. Se non temos foto da avoa...tirámoslle unhas cantas e escollemos con ela cal é a mellor, a que vai a ser publicada. Xogamos a ser reporteiras e reporteiros da imaxe da avoa.


4. Nun soporte de cartolina tamaño A4, montamos e colocamos a información:

A miña AVOA _______________, a foto e o texto acompañante estructurado. 


Lembra que estas fichas das avoas son para ser expostas nos corredores do colexio. Deben ir en letra ben clariña posto que é para que se poda ler con facilidade. Por iso é ben facer o borrador antes e non escribir directamente na cartolina.
Se tes dúbidas, co borrador, pide axuda á titora ou titor para corrixir e ter un texto sin faltas. Podes empregar as tecnoloxías para asegurar un texto lexible.



Ao final do curso queremos facer  libros de fichas das avoas para a nosa Biblioteca. Por iso queremos que as fichas leven o mesmo tamaño e forma, para poder encadernalas sen problemas.



Animádevos a participar desta actividade! Cantas máis avoas, máis aprendizaxe para nós. Ademais, deste xeito pasaremos máis tempo con elas. Xa dicía O Apalpador,na súa mensaxe de Nadal, que era importantísimo xuntar as xeracións...O pasado e o futuro nun presente!



Esperamos polas vosas e nosas avoas! Queremos coñecelas!



Ningún comentario:

Publicar un comentario